luns, 24 de maio de 2010

LOS SPRINTERS Discografía Completa 1966-1968

"¡Espera, Que Quiero Hablarte!"

 Los Sprinters por Antonio Castro. Merece a pena ler o artigo completo

Los Sprinters foron o grupo musical por antonomasia de Ferrol, dos anos sesenta. Esta formación fundouse entre 1965 e 1966, cando xa outros paisanos seus, Los Player’s tiñan gravados un par de discos…   Pero aínda así, Los Sprinters son a banda que perdura na lembranza, e é moi común hoxen día, que cando a un ferrolterrán se lle pregunta pola música daquela época, este se refira a eles coma «os nosos Beatles».

No Ferrol da segunda metade da década dos sesenta, a música se vivía dun xeito moi intenso. Ademais de Los Player’s e Los Sprinters, existían outros grupos ferroláns coma: The Silver Dragons, Los Telstar, Los Frap, Los Zares, Los Redógenos, Los Truenos, The Wryders, o Grupo Jockeys, de Narón, etc… pero tamén solistas como Andrés Do Barro, Vicente Araguas Álvarez, Xosé Manuel Lasén «Marcof», Xoán Rubia Alejos (que era natural de Mugardos)…, dúos folk coma Emilio e Fernando, etc… E había un montón de lugares onde se podía tocar, en directo, coma o «Bambú Club», «El Parque», «Breogán»…

Miguel Varela, «O Tranquilo», procedía doutros conxuntos departamentais, o primeiro dos cais se chamaba The Silver Dragons, nos que ingresou cando tiña tan só 16 anos, e logo tamén formaría parte de The Wryders. Tempo despois, coincide con Alfredo Mella, e con outros dous xóvenes estudiantes ferroláns máis, Ramón e José, algún deles procedente doutros conxuntos coma Los Telstar, fundan un novo grupo: Los Sprinters. Todos eles eran admiradores confesos de The Beatles, as bandas instrumentais (The Shadows, The Ventures ou  The Tornados, de feito sempre escomenzaban os seus concertos co seu “Telstar”.

Los Sprinters escomezaron rexistraren discos a mediados dos anos sesenta, tras de asinar contrato discográfico co selo Fontana, filial da multinacional holandesa Philips, que lles editou un total de cinco EP’s e dous sinxelos, entre os anos 1966 e 1968, que conteñen 24 cancións, fundamentalmente versións, e somentes catro cancións eran de composición propia: “El tablao” (1966), “Explicación” (1967), “Aquella balada” (1967) e máis “¡Espera, que quiero hablarte!” (1967).

De feito, trala súa fichaxe polo selo Fontana, o seguinte desafío para Los Sprinters, será o de compoñer unha canción propia, en castelán, e que ademais lles poidera gustar aos responsables artísticos da compañía discográfica. Agochado baixo o pseudónimo de M. Pache, Miguel Varela Suárez, «O Tranquilo», compuxo “El tablao”, peza que convenceu aos directivos da Philips  e que sería o corte estrela do primeiro EP. “El tablao” trátase dun número festivo, de corte «beat», pero españolizado, xa que este tema segue o esquema
do grande éxito “Flamenco”, de Los Brincos, é dicir: «canción española modernizada», con certos aires aflamencados… Os seus resultados finais son bastante sorprendentes, e afortunados. A portada do disco, no que aparece unha fotografía, en cores terrosas, dos catro membros do grupo, uniformados con traxes azuis, arredor dun carro do país, situado nun alpendre é a representación da imaxe que de Galicia tiñan as compañías discográficas mesetarias, sempre cheas de tópicos absurdos, e de supostas intencións paternalistas, moi propias do réxime dictatorial franquista. Empero, o disco foi un relativo éxito, e ata conqueriron entrar nas sempre esquivas listas de ventas discográficas españolas, eso si, ocupando un modesto posto. Nembargantes, a repercusión mediática que acadan é importante, e mesmo propicia, un novo desprazamento a Madrid, desta volta para presentarse nos estudios de Prado del Rey, para gravar unha actuación ante das cámaras, que foi emitida polo espacio «Musical 14:05», da Televisión Española.

O segundo disco de Los Sprinters, un novo EP co título “La muñeca que hace no” tamén vería a luz ese mesmo ano de 1966, e só uns meses despois que o anterior. Sospeitamos que os catro temas incluídos neste disco, foron gravados nas mesmas sesións que os do primeiro (reforza esta hipótese de traballo, o feito que na numeración de catálogo, haxa unha diferencia de só 5 referencias). A foto da portada do disco, tamén en cor, pertence á mesma sesión que a do primeiro E.P. Nesta ocasión amosa aos membros do grupo, uniformados da mesma guisa, portando un par de paraugas, namentres camiñan por unha estrada rural asfaltada.

A primeira actuación que fixeron Los Sprinters, diante de público, fora de Galicia e de certa relevancia, foi para concursar no «II Certamen Internacional de Conjuntos Músico-Vocales», de León.  Polas sesións competitivas do festival leonés pasaron moitos grupos, un total de 29, varios deles extranxeiros. Entre os máis destacados figuraban os madrileños Los Roberts, Los Exóticos (que non chegaron a actuar, e só pasearon por alí, co seu cantante británico Dave Allen) ou os andaluces The Rocking Boys (La Línea de la Concepción, Cádiz)… A gala da sesión final, para a que se clasificaron Los Sprinters, foi retransmitida en directo polas cámaras da Televisión Española, e polas ondas radiofónicas, ao traverso da R. E. M. (Red de Emisoras del Movimiento). Na final, os seis grupos clasificados coma finalistas, tiveron que interpretar, de xeito obrigatorio, os temas tradicionais leoneses “¡Déjala dormir!” e “¡No la llames!”.  Como nota curiosa, e fidel reflexo do ambiente de opresión socio-política que vivía o país, nesa época, temos que lembrar o veto recibido polo cantante «hippie» valenciano Colonel Pipo, que fora contratado pola organización do festival (para a fin de festa), por parte das autoridades gobernativas. 

O terceiro traballo discográfico sprinter foi editado ao ano seguinte, un novo EP, cuxo título de cabeceira era
a canción “Explicación”. Na bonita e sobria portada, clasicamente sesenteira, desta volta se destaca un logotipo especialmente deseñado para a banda, con caracteres de cor amarelo. Os títulos das cancións do disco, tamén en amarelo, sobre un marco negro, no que ademais se sitúa unha foto interior dos catro membros do conxunto, en cor, xa desposuídos do seus uniformes, e amosando as guitarras e mailo baixo. E logo chegaría o cuarto disco publicado de Los Sprinters, “Señor Profesor”. A primeira portada onde non aparece unha foto do grupo, algo que a partires de agora será a norma, e deixarán de ter interese. No seu lugar un axeitado dibuxo, a toda cor, ilustra o motivo do tema central do disco, situado sobre un fondo negro. Novamente, o departamento creativo do selo Fontana, lle deseñou á banda, un logotipo.

O quinto e derradeiro EP, que Fontana lles editou, foi o que encabeza a canción “¡Espera, que quiero hablarte!”  e apareceu no mercado discográfico español, a finais do ano 1967.  "¡Espera, que quiero hablarte!” (M. Pache), é outra das composicións propias de Los Sprinters. Agora si que nos atopamos diante dun grande tema, con fantásticos «riffs» e solo de guitarra, un preciso órgano progresivo… Tamén contribúe o feito de que a letra non sexa unha colección chea de tópicos, nin manida, a pesares de ser moi directa. Para nós, dende logo, trátase da mellor canción do grupo ferrolán, que debería ser todo un clásico do «Rock de garaxe» do país, e que pola contra, permañece nun moi inxusto esquecemento. Constitúe o único corte salientable de todo este vinilo, para nós, o máis frouxo dos gravados polo grupo ferrolán.

Co seu sexto traballo discográfico, Los Sprinters estrean formato, o primeiro disco sinxelo sprinter, agochado tras dun insulso e impersoal deseño de portada, onde destaca a súa cara B “La habitación blanca”, unha versión do "White Room" dos Cream .  A letra da adaptación  atópase chea de pasaxes oníricas, e é de temática intensamente psicodélica (na versión orixinal, o protagonista, que está a esperar por un tren, se atopaba baixo os efectos do LSD). Na adaptación musical deste tema, de Alfonso Alpin (pseudónimo do grande compositor barcelonés Augusto Algueró) , botamos a faltar algo de forza, debido máis que probablemente, a unha nefasta producción. E é que hai unha notoria carencia de toques de guitarra «fuzz», uns máis traballados e mellores coros de voces, e outros efectos nesa onda, para que o poideramos considerar un tema totalmente redondo, e todo un clásico da «psicodelia» peninsular. A pesares de todo, se atopa entre o mellor do repertorio gravado por Los Sprinters, unha nova demostración do bo gusto, que sempre levaron por bandeira.

O seu último disco para o selo Fontana –o sétimo-, foi un novo sinxelo, con adaptacións esquecibles de “Rain and tears” e “Yummy, yummy, yummy” . Posúe unha portada de moito colorido, cun deseño en plan «naïf», bastante aceptable. Tralo remate da tempada estival do ano 1969, o período independente de Los Sprinters, tocaba á súa fin. O éxito petaba, con moita forza, na porta doutro ferrolán, un tal Andrés Lapique Dobarro, coñecido artisticamente como Andrés Do Barro. O sorprendente número 1 de ventas discográficas que acadou o seu primeiro disco. “O tren”, en España (máis sorprendente si cabe, ao se-lo primeiro que non era cantado nin en castelán, nin en inglés, francés ou italiano, senón que no vilipendiado «dialecto gallego», un fito musical nunca máis repetido…), precipitou as cousas.

 Andrés Do Barro reclamounos, para que o acompañaran nas súas actuacións, e logo, participaron tamén, nas sesións de gravación dos seus discos, como a banda propia do cantante. Con Do Barro, Los Sprinters gravaron moitos temas (entre eles, “San Antón”, “Corpiño xeitoso” e, por suposto, o famosísimo “O tren”)”. Este éxito fulgurante do cantante ferrolterrán, conlevou unha importante carga de traballo para a banda, xa que non pararon de contrataren galas e bolos diversos. A situación reportou importantes ingresos para Los Sprinters, que poideron levar unha acomodada vida naqueles días e tiveron a ocasión de comparti-las táboas do escenario con moitos outros grupos da época, entre os cais destacamos os madrileños Fórmula V, que coñeceron nos estudios de gravación da súa compañía discográfica -Fonogram-, xa que fixeron boas migas. Pero tamén alternaron, na noite madrileña, con artistas habituais dela coma Micky, Mike Kennedy, Fernando Árbex, etc…

Realizaron algunha pequena xira por Centroeuropa, sobre de todo a Suíza, onde actuaron para un público netamente galego, composto por emigrantes, que non podían aguanta-la emoción, ao escoitar cancións no seu idioma, e «tiraban as súas boinas ao ar».

Aproveitando a popularidade de Andrés, no ano 1971, debutan na pantalla grande, ao igual que o propio
cantante, nunha longametraxe pseudo-musical, feita para promociona-lo artista ferrolterrán. A cinta leva o oportunista título de “En la red de mi canción”, e os músicos se viron arrodados dun elenco de actores importantes, coma Conchita Velasco, o afecto ao réximen Alfredo Mayo, Rafaela Aparicio, Florinda Chico, Antonio Ozores, Cassen  ou Álvaro de Luna. Desgraciadamente, o productor cinematográfico vigués Cesáreo González, encargoulle a dirección da película ao chapuceiro Mariano Ozores Puchol, autor dunha prolífica lista de películas, tan ampla coma esquecible. Los Sprinters aparecen en varias secuencias da película, especialmente nas imaxes do principio da cinta, nas que atravesan as rúas do Casco Vello de Santiago de Compostela, montados enriba dunha camioneta, namentres Andrés Do Barro canta a canción “Pois eu”, e eles tocan os seus respectivos instrumentos.

Logo de tres exitosos anos, Andrés Do Barro decide un fondo reprantexamento da súa carreira, que vai levar aparellado un troco de discográfica, e de banda de acompañamento. Estamos xa nos meses finais do ano 1972. É o intre en que se produce a ruptura definitiva con Do Barro, e a banda xa non tocaría nos vindeiros sinxelos e no terceiro álbum de Do Barro, “Andrés Do Barro” (Lp Belter, 1974). Tan só se mantén o batería Chupi.

Pouco tempo despois, Los Sprinters íanse converter nunha orquestra, que percorreu moitos dos pobos e cidades de Galicia, e que aínda se mantén activa. No ano 1974, escomenzan as colaboracións musicais entre María Manuela e Miguel Varela. Como a Manuela lle gustaba moito de cantar e o facía ben, escomenzou un dúo alén do matrimonio, consumado nunha parella artística, bautizada como Manuela e Miguel, que puxo música a moitos dos poetas da nosa terra, ademais das composicións propias. A andaina do dúo, principiou curiosamente, coa gravación dun primeiro disco sinxelo, lanzado coma unha obra de María Manuela, en solitario, a pesares de ser unha colaboración conxunta.

Xa no ano 1983, nacería o coro Ledicia, co gallo do festival Cantareliñas, un certame que se celebrou en San Sadurniño. Nel colaborou intensamente Miguel Varela Suárez. No 1990 o coro asentouse no colexio Manuel Masdias, de Caranza. O pasamento de Miguel Varela Suárez, «O Tranquilo», se produxo en Ferrol, o día 19 de Setembro do 1998, logo dunha longa enfermidade. Alfredo Mella Álvarez pertence, na actualidade á rondalla ferrolán Bohemios.

8 comentarios:

Anónimo dixo...

Hola 18 Rodas,
En primer hogar, perdona mi castellano, en segundo, la cancion de Los Sprinters "Pintalo Negro" (Paint It Black, ciertamente) da un error a el download. Por favor, és que puedes retificallo.
Gracias,
Luis

18 RODAS dixo...

"Píntalo Negro"

http://www.mediafire.com/?oaqaqjjmnwn

Pedro dixo...

Quisiera recordar a "Los Sprinters", tocando por las tardes en el Recinto Ferial de Punta Arnela. Eran los tiempos del "Tablao", y actuaban en una sala que había debajo de la grada de la piscina de la Feria, junto al Restaurante.
La anecdota es que por entonces el cantante, salía con una chica de larga y lacia melena rubia. Circunstancia que aprovecho el delegado del "Stand" de una conocida marca de vinos y espirituosos de Jerez, para ofrecerle que paseara por el recinto a lomos de un caballo cartujano, a la manera que lo hacía en un popular anuncio televisivo la modelo (y más tarde musa, Nico). Una curiosidad.

Unknown dixo...

Estoy encantado con la recopilacion de toda la discografia de los sprinters, ya que yo canto en los dos ultimos singles las canciones de yumy yummy, rain and tears, white room y those were the days. como observareis, en la portada del recopilatorio hay cinco componentes no cuatro, ya que yo entre a formar parte del grupo en febrero de 1968 y mi nombre es Pepe Sueiras, el quinto componente del grupo como cantante solista, acompañado de Miguel, Mon, Angel y Alfredo mella.En el año 1970 entr´en el grupo Chupi de bateria supliendo a Angel y Pepe Vazquez de Organista, hasta que se fueron con Dobarro y a la vuelta el grupo de convirtió en Orquesta de Baile. Yo lo dejé al marcharse ellos con Andres Dobarro.

18 RODAS dixo...

Grazas Pepe pola información

Anxo Varela dixo...

Ola, son Miguel-Anxo Varela, fillo de Miguel "O Tranquilo". Encantoume a túa reseña sobre Los Sprinters, é tan completa que ten dados que mesmo eu descoñecía.

Grazas mil e noraboa polo teu traballo.

Burudi dixo...

opa mella !!
aun recuerdo el pedo del vasco en la mezquita jugando cartas.............

abynha dixo...

hola yo actualmente toco con mella en la rondalla bohemios ferrol, saludos. por cierto es un magnifico musaico