luns, 21 de xullo de 2014

LUCIO BATTISTI - Emociones (Numero Uno, 1977) + Bonus



En 1977 presentouse o álbum "Io tu noi tutti" co título de "Emociones", gravado en Madrid en outubro dese mesmo ano. Nel exclúese con respecto ao orixinal italiano a canción "Questione dei cellule", sendo substituída por "La canción del sol "(La canzone del sole). O punto de referencia deste disco non é o orixinal italiano, senón a versión en inglés, que saíu ao mercado co título de "Images", tanto pola duración dos temas como pola tipoloxía das intervencións vocais, que recalcan nos contrapuntos o que se fixo no disco inglés. Ni un solo minuto de "No querernos" (Neanche un minutto di non amore”) grávase de xeito idéntico á versión inglesa, con partes da versión italiana que están ausentes. Pero a maior diversidade con respecto ás outras dúas versións deste disco (a italiana e a inglesa) escóitase na parte vocal, enriquecida con numerosas intervencións de contrapunto completamente novas, a miúdo a tres voces, chegando ata as catro no coro de "La canción del sol". Así mesmo aprécianse substanciais diferenzas na longa liña vocal dos versos finais de "Intérprete de un film". Nalgúns casos tamén varía a mestura, que presenta lixeiras diferenzas con respecto ás outras versións do disco: algúns instrumentos teñen unha ubicación distinta no espazo sonoro, a outros se lles presta unha maior ou menor atención e, en xeral, tense a impresión de que o artista fronte ao labor realizado un ano antes, trata de dar unha impronta máis persoal a tódalas cancións, evidentemente insatisfeito tanto da versión en italiano, como da versión en inglés. Certamente as novas intervencións vocais proporcionan unha interesante unidade ao traballo, e ata a dubidosa base musical da canción de "The sun song" enriquécese coa voz en español, mérito sobre todo da indubidábel maior afinidade de Battisti con esta lingua con respecto á inglesa, o cal fai gañar á parte vocal en fluidez e inmediatez ata o punto de transformar decisivamente tódalas cancións.

A serie de gravacións en español continúa en 1978 con "Una muchacha por amigo" (Unha donna per amico), que non contén diferenzas substanciais con respecto ao orixinal en italiano, coa excepción da edición da finalización, que reduce a canción de 4’23” a 3’55”. A cara B, "Ningún dolor" (Nessun dolore), en cambio, non sofre ningunha variación.

Coa publicación en 1980 de "Una triste jornada" e "La cinta rosa", versións de "Una giornata uggiosa" e "Con il nastro rosa" péchase a serie de gravacións en español de Lucio Battisti. "Una triste jornada" reduciuse en duración de 4’48” a 4’10” grazas á eliminación do longo intro con tronos e lóstregos, iniciándose directamente coa guitarra rítmica acústica dun xeito bastante infeliz a causa do efecto da edición no comezo da canción. Mentres, para "La cinta rosa" non se utilizaba a versión curta do sinxelo en italiano, senón en cambio a versión longa do álbum, co fin de dar espazo á marabillosa parte de guitarra eléctrica de Phil Palmer e permitir a Battisti a mesma intervención vocal que na parte final da versión en italiano, coa adición, como contrapunto, da parte vocal presente no comezo da canción.