Os Necessaries foron un máis das decenas de grupos que a finais dos 70 e principios dos 80 chegaron ata nós co sambenito da New Wave. Estes neoiorquinos, alomenos de adopción, debutaron en 1979 cun single producido nada menos que por John Cale, dúas cancións rápidas e de guitarras correudas que non anticipaban no que máis tarde darían. En principio o grupo formábano o guitarrista e cantante Ed Tomney, Jesse Chamberlain na batería, que proviña dos Red Krayola, e nada menos que Ernie Brooks no baixo, lendario membro dos inesquecibles primeiros Modern Lovers. Sábese que Chris Spedding foi membro fundador do grupo, pero no seu debut o segundo guitarra é un tal Randy Gunn. Tampouco debeu durar moito porque para o seu primeiro longa duración a formación complétaa Arthur Russell, un neno prodixio do mundo clásico atraído polos sons máis modernos e avant garde, minimalismo, grupo Fluxus e demais. Contan que chegou a organizar concertos dos antes mentados Modern Lovers no seu college, e quizais sexa de aí de onde lle ven a conexión con Brooks. É curioso que a actual recuperación de Russell, cun recente DVD lembrando a súa carreira como autor de música disco vanguardista, no faga apenas mención ao seu paso polos Necessaries, cando algunhas das mellores cancións do grupo (as preciosas, «Detroit Tonight» e «Driving And Talking At The Same Time» son cousa del e máis de Brooks). Vese que o pop segue tendo menos coartada intelectual.
O seu único LP debeu ter un parto complicado porque saiu en dúas versións, con portadas e repertorio diferente. En España editouse como "Event Horizon" en 1982, que non era senón unha segunda edición de Big Sky na que se conservaban varias cancións da primeira e outras eran substituidas por novos temas. Un lembra un par de críticas aprecidas na prensa nacional daqueles anos. Ignacio Juliá recibíaos cos brazos abertos nas páxinas de Rock Espezial, pero o ínclito José Manuel Costa despachábaos en El País nunha liña inesquecible: “¿Pop? No son necesarios”. Aí queda iso. Non creo que Sire tivera moita fe no grupo porque o disco non chegou ter edición americana en ningunha das dúas versións, aínda que "Event Horizon" sí chegou a ter edición española, de bonita portada por certo. Agora que a recuperación da música daqueles anos está en boga, a escoita de The Necessaries podería darlle unha sorpresa a máis dun afeccionado ao pop neoyorkino revirado.
2 comentarios:
hello, do you have the first Richard GILLY album from 1971 on maxi? thanks
no, sorry
Publicar un comentario