Os Three O´Clok foron a quintaesencia e modelo máis acaído do que a mediados dos 80 deuse en chamar Paisley Underground, un movemento musical centrado esencialmente en Los Angeles e referido a bandas como Dream Syndicate, Long Ryders, Rain Parade ou Bangles, para acabar englobando a outras (desde REM, Guadalcanal Diary ou os fascinantes Game Theory). Precisamente fora Michael Quercio o líder de Three O´Clock quen lle puxo nome ao movemento deste fato de grupos que recuperaron o pop de guitarras e a psicodelia máis directa de raíz melódica e sixtie. Nomes xa non reivindicables senón esenciais dos que The Three O´Clock forman parte importantísima como o seu líder, Michael Quercio, un tipo moi interesante con esa voz recoñecible equivocamente infantil/feminina. No ano 82 o seu grupo chámase The Salvation Army e deles queda un excelente disco homónimo de pop garaxeiro. No ano 93 foi reeditado en cedé con 9 bonus (“Happen Happened” chámase). Unha denuncia do Exército de Salvación (os auténticos Salvation Army) obríganos a trocar de nome polo de Three O´Clock. A formación neste intre é Quercio (voz e baixo), Gregg/Louis Gutierrez (guitarra), Mike Mariano (teclados) e Danny Benair (baterista). Con ela gravan o escintilante ep “Baroque Hoedown” a finais do 82 e ao ano seguinte, o revelador “Sixteen Tambourines”, abeirados xa a un estilo máis pop baseado na psicodelia sixtie actualizada e no que codifican o seu son. Isto vese claramente no seu seguinte traballo, o primeiro gravado para o selo I.R.S., este “Arrive Without Travelling” publicado no ano 85 e inencontrable na rede ou nas tendas. Marabilloso traballo con pezas tan exquisitas como “The girl with the guitar”, a intensa e hipnótica “Simon in the park” (gran título), o seu pequeno hit “Her Head's Revolving”, ou o sinxelo motowniano “Haf the Way There” fan deste traballo a súa obra central, necesaria tanto para os amantes do son Three O´Clock como para aqueles afeccionados ao fenómeno Paisley Underground. Nunca serían os mesmos, e a súa carreira foi devalando despois de “Ever After” (86) e Vermillion “88” -no que colaboraba o seu grande fan, Prince-, pero polo menos puideron presumir de discos tan bos como “Sixteen Tambourines” ou este “Arrive Without Travelling”. Comprobádeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario