martes, 20 de xaneiro de 2009

THE DOCTORS CHILDREN Discografía Coñecida


Nen sequera nestes tempos de sobreinformación virtual se pode contar moita cousa dos Doctors Children. Tampouco valeu de nada preguntarlle a Steve Wynn, que no seu día editou o seu único disco en Down There, aquel pequeno selo que usaba para sacarlle discos aos amigos (Naked Prey, Green on Red...). Nada máis lembra que eran moi bos rapaces, e que simplemente licenciou o disco para os USA porque lle recordaba aos seus queridos Only Ones. Boa razón, sen dúbida, e moi acaída, porque é verdade que por veces os Doctors Children recordan as cancións e o son do grupo de Peter Perret (sen as drogas e os solos de John Perry, ben é certo). Era precisamente ese regusto loureediano e os detalles que os aproximaban ao son do Dylan eléctrico, os que os apartaban de moitos daqueles grupos indies que medraban como cogomelos na Gran Bretaña de mediados dos 80. Editaron o seu primeiro single no 85, pero as dúas cancións que o formaban non deixaban ver a maior inspiración das súas seguintes entregas. O disco que se editou en España baixo o título de King Buffalo non é mais que a edición aumentada dun primeiro mini LP chamado Rose Cottage, e sería producido nada menos que por John Leckie, moi querido nesta casa polo seu traballo con XTC. Con dúas caras ben diferenciadas, cancións longas na A, máis curtas na B, King Buffalo é un delicioso tratado de pop sinxelo e enerxético de raíz americana pero de inconfundible sabor británico, de retrousos xubilosos e baladas velvetianas, a mostra dun talento, o de Paul Smith, único compositor, quizais menor pero nin moito menos despreciable. Aquí presentamos toda a súa producción discográfica coñecida, singles e caras B de maxi incluídas, e aceptamos gustosos calquer tipo de información sobre as súas andanzas e o paradeiro actual do amigo Smith.



1 comentario:

Anónimo dixo...

Debo ser un dos poucos privilexiados que posuen o elepé "King Buffalo" e sei que na contraportada aparecen as fotos dos músicos cos seus nomes. Pois o conto e que o bateria, Fabian Jolivete, foi componente dos Pistones durante algun tempo (1987 apróx)