Steve Wynn demostrou o pasado ano a súa capacidade de reinvención co sensacional "Crossing dragon bridge", un dos seus cumios creativos xunto co "Here Come the Miracles" de 2001. Porén, hoxe traemos ao noso blog o primeiro dos seus discos en solitario, despois de ter aparcados aos marabillosos Dream Syndicate. Trátase de "Kerosene Man" (1990), onde a influencia de Lou Reed devala fronte ás de Dylan ou, aquí máis evidente, Neil Young. Un traballo de madurez como a peza que abre o disco, unha canción abeirada ao rock de guitarras como "Tears don´t help" para seguir coa saltarina "Carolyn" ou a byrdsiana (dos Byrds, vaia) "Killing time". Hai outras máis próximas á tradición como a que titula o traballo "Kerosene Man", ou certos momentos máis reflexivos que configuran un menú sonoro ben recomendable. Agás cortes como "Younger" os días de turbulencias sonoras semellan ficar atrás, pero é só o comezo dunha memorable carreira que o traerá no mes de febreiro de xira por estas terras. Só, cos Miracle Three, con Gutterball ou incluso con Australian Blonde, Steve Wynn é seguro de calidade e intensidade sonora. Xa é hora de que comece a ser reivindicado. Ademais, un día estivemos con el no camerino do Playa Club e pareceunos un tipo encantador.
Ningún comentario:
Publicar un comentario