mércores, 1 de abril de 2009

PHILAMORE LINCOLN The North Wind Blew South (LP, Epic, 1970)



O do británico Philamore Lincoln é o típico exemplo de artista de culto, dos que ocupan un só pé de páxina na historia do pop, pero dos que por xustiza estética temos que reivindicar. Boa planta, voz agradable, competente compositor, Philamore debuta no 68 cun sinxelo que amosa as súas armas: “Running By The River/Rainy Day”, psicodelia melódica e soñadora, poderoso soul e uns arranxos detallistas e inzados de cordas e bo gosto. Dous anos despois factura esta golosina chamada “The north wind blew south”, producida por James Wilder e que contou no equipo de produción nada menos que a Glyn Jones (The Rolling Stones, Who,...) como enxeñeiro de son e no apartado fotográfico ao guitarrista dos Yardbirds, Chris Dreja, razón pola cal se ten especulado acerca da relación de Lincoln con este grupo, segundo parece inexistente. “The north wind blew south” é un variado catálogo de psicodelia soñadora como a peza homónima que dá nome ao álbum, “Early Sherwood, “Plains of delight”, “When you were looking my way”, todas elas cunha atmósfera cautivadora, e por outra banda varios arrebatos souleiros (“Lazy good for nothing”, “The county jail band”). Canda elas unha mestura de ámbalas dúas tendencias (“You´re the one”). Lincoln inclúe un tema que lle escribiu a Mary “Those were the days” Hopkin, “Temma harbor”, que se na voz da galesa foi top ten, na do seu autor pasou desapercibido, como o resto deste disco editado orixinalmente só nos Estados Unidos. CBS publicou un sinxelo en Gran Bretaña, “Country Jail Band/You're The One”, incluído no traballo e que a ninguén semellou interesar. Desde entón, Philamore dedicouse a traballar como podutor discográfico deixando atrás un mundo para o que semellaba estar dotado. Como a un claro caso de “One album wonder” poderíamos clasificar a Philamore e a este seu vento de psicopop arrebatador.


3 comentarios:

Anónimo dixo...

Un bonito disco. Gracias por acordarte de él.

josé dixo...

Bonito disco, si señor. No lo conocía.
Luis: Podrías decirme como obtienes las portadas de los LPs ¿Las escaneas? (yo primero hacía fotos, luego decidí escanearlas, pero como no caben las hago por partes y luego las uno con el photoshop)

18 RODAS dixo...

Eu fago o mesmo co meu super Corel 5 e como xa collín un pouco de práctica non me leva demasiado tempo aínda que algúns discos resultan un pouco máis díficiles