martes, 26 de xuño de 2012

PEZBAND - Pezband EP (Not Lame, 1995)

"Eddie´s Pals"

Como reza na contraportada deste EP publicado por Not Lame, e con acerto, "Eles tiñan as cancións, eles tiñan os refráns, eles tiñan a presenza". Pezband viñan de Chicago onde comezaron no ano 71 e ao longo dunha década deixaron tres Lp´s "Pezband" (1977), "Laughing in the dark" (1978), estes dous recomendables, e un terceiro "Cover to cover" (1979) que non vale moito. Este Ep contén catro temas gravados no ano 74 e que son o único testemuño do grupo nese período e coa formación case orixinal: Cliff Johnson, Mimi Betinis, Tom Gawenda, Mike Gorman e Mick Rain. "Princess Mary" aparecería máis tarde en "Pezband" mentres que "Oh Boy" faríao no primeiro de Off Broadway Usa, a banda que formou Cliff Johnson tras abandonar o grupo.

xoves, 21 de xuño de 2012

JOHN CAMPBELL- Sunrise / Boogie Woogie (Basf, 1974)

"Sunrise"

Malia que non hai moita información sobre este John Campbell (hai outro músico de blues co mesmo nome), si sabemos que é un americano de Pontiac, Michigan que acabou en España nos primeiros setentas.  Ademáis de traballar de mercenario para outros músicos chegou a gravar un par de elepés, "Fresh Blues" para o selo catalán Diabolo en 1971 e "Sunrise" para BASF un par de anos despois. O tema estrela, moi bonita canción por certo, é unha mestura de Randy California co "Sun King" dos Beatles. A cara B é esquecible.

sábado, 16 de xuño de 2012

JUNIOR CAMPBELL - Sweet Illusion / Ode To Karen (Deram-Columbia, 1973)

"Ode To Karen"

Continuando con artistas co apelido Campbell,  hoxe rescatamos do seu inxusto esquecemento a Junior, un dos puntais dos escoceses Marmalade aos que abandonou en 1971. Este foi o seu terceiro sinxelo en solitario e malia que o tema estrela era "Sweet Illusion", a súa cara B está máis preto do son aos que nos tiña acostumados. Por certo, o inicio da canción ten un parecido razonable con "Piano Man" de Billy Joel - Ana Belén

mércores, 13 de xuño de 2012

IAN CAMPBELL - Do I Still Figure In Your Life / Second Time Around The Wheel (Poplandia, 1973)

"Do I Still Figure In Your Life"

Non teño moi claro se este Ian Campbell que se atreve co clásico de Honeybus, é o mesmo do Ian Campbell Group metido a outros mesteres. O que si se sabe é que formaba parte como baixista dos sesioneros coñecidos como "The Glasgow Mafia" e que serviron de apoio en boa parte das gravacións do selo Young Blood de Miki Dallon.  Da canción fixéronse bastantes versións así que aquí van unhas cantas:  Paul Carrack, Joe Cocker, Dave Stewart & Barbara Gaskin, Love Sculpture, Samantha Jones ou Dana.


sábado, 9 de xuño de 2012

FLEETWOOD MAC - Future Games (1971)


Hai uns días morreu Bob Welch, un tipo cunha bonita voz e polo que sentía certo aprecio. Cando me piden listas das miñas 10.001 cancións favoritas de tódolos tempos adoito incluír un par dos seus temas, "Ebony Eyes", do seu primeiro disco en solitario titulado "French Kiss" e do que era fan absoluto en 1977, e este "Future Games" que soa no reprodutor e que mesmo serviu para titular o disco co que se incorporaba aos Fleetwood Mac. 


xoves, 7 de xuño de 2012

THE REBELS - Hard To Love You / Call Me (Page One, 1967)

"Call Me"

"Hard To Love You", unha peza da factoría Howard/Blaikley composta para Dave Dee, Dozy, Beaky, Mick & Tich, era o tema estrela do cuarto sinxelo dos alemáns The Rebels que na súa patria eran coñecidos como Dave Gordon & His Rebel Guys, de feito Hansa Records publicou así o disco en Alemaña. Nos USA foi editado como Dave Gordon & The Reb-Tides por Press Records.

luns, 4 de xuño de 2012

PAGLIARO - Pagliaro (Amber, 1976)


A Michel Pagliaro, Montreal (1948) xa se lle vía na segunda metade do sesenta metido en conxuntos "ye-yés" como os Chanceliers, cuxo single "Le P'tit Poppy" foi moi popular en 1966 en zonas francófonas. En 1968 Pagliaro decide escribir e interpretar as súas propias cancións e inicia carreira en solitario co álbum "Michel Pagliaro", integramente cantado en francés e que foi disco de ouro en Canadá.  En 1971 asinou contrato con Much Records, compañía para a que gravou o seu primeiro elepé totalmente cantando en inglés que hoxe presentamos na súa reedición de 1976 a cargo de Amber e que desgraciadamente non vén coa portada orixinal na que aparece un primeiro plano do mozo con lentes de sol molonas e melenitas de época, unha mestura visual perfecta para acompañar estas cancións de power pop melódico e melodías aflixidas. Dos temas que aparecen nos sinxelos posteados previamento só "She Moves Light" non vai no elepé.