xoves, 8 de marzo de 2012

ROWAN BROTHERS - Rowan Brothers (CBS, 1972)

"Hickory Day"

The Rowans era un trio de Bluegrass procedentes de San Francisco formado polos irmáns Rowan, Chris, Lorin e o máis famoso deles, Peter, membro de bandas tan arraigadas ao rock americano como Earth Opera, Seatrain ou Muleskinner. A particularidade deste primeiro disco é que só aparecen Chris e Lorin, o que fai que o estilo caia máis no ámbito do Pop que do Country.

Cando se publicou "The Rowan Brothers", Jerry García (o mítico líder de The Greateful Dead) veu afirmar que este dúo era tan bo como The Beatles. A comparación, por ousada, queda curta, pero si que axuda a encaixar mellor o estilo das cancións que compoñen o disco. Como apuntamos antes, a música que facturaban Chris e Lorin en 1972 pouco tiña que ver con ese Country/Folk/Bluegrass que desenvolverían a mediados dos 70 (xunto co seu irmán Peter) e con todo si que presentaba moitas similitudes con outros grandes artistas Pop/Rock da época como Badfinger ou Todd Rundgren. Iso si, todo pasado pola turmix de fiddles, mandolinas e pedal-steel guitars, que acompañaban ás preciosas (e charramangueiras) harmonías vocais de Chris e Lorin.

A mestura anterior, tan complicada de explicar, consegue facer de "The Rowan Brothers" un caixón de xastre pouco cohesionado, pero saboreando as cancións por separado e con detalle aprécianse as excelencias das composicións deste dúo tan inusual para a época. Desde a festiva "Hickory Day" que abre o álbum "Best You Can" (que ben podería ser unha especie de relectura do "Jealous Guy"de Lennon  até chegar a "Gold" (seica non soa como os Big Star country?), as cancións sucédense entre distintos estilos ("All Together" co seu melotrón e as súas voces en eco; "One More Time" cun espectacular só de saxofón adiantándose ao "Baker Street" de Gerry Rafferty; "Wizard" que parece unha velada homenaxe a Todd Rundgren).

Malia que se poidan facer comparacións xenéricas con bandas como Stealers Wheel ou Crosby, Still, Nash & Young, a fusión de The Rowan Brothers segue sendo fascinantemente estraña, por esa facilidade para adaptar a grandeza do Pop no seu estado máis pomposo e pasala polo tamiz da Americana.  Fran G. Matute  


1 comentario:

Anónimo dixo...

there was a track by the rowans i'd like to hear again;'thunder on the mountain'-thanks for this one